Ribeiro en Común demanda que a Xunta se comprometa coa rede de auga e abastecemento de Ribadavia

Solicitamos que a Xunta se comprometa a realizar a captación no río Miño, cuxo proxecto xa foi aprobado polo anterior goberno municipal, e o seu tramite realizado diante de todas as Administracións con competencia.

Ribeiro en Común volve levar ao Pleno unha reivindicación histórica que a Xunta leva sen atender desde antes de 2009. Consideramos que é un dos principais problemas sen arranxar que padece Ribadavia nas súas infraestruturas, que Augas de Galicia (Xunta) leva desde máis de 15 anos.

Comeza unha nova lexislatura no Parlamento Galego e un novo mandato na Xunta de Galicia, por conseguinte consideramos que é o momento de retomar esta demanda tan necesaria e urxente para Ribadavia.

MOCIÓN DE RIBEIRO EN COMÚN PARA QUE A AUGAS DE GALICIA E A XUNTA COLABOREN CON RIBADAVIA NA MELLORA DAS SÚAS INFRAESTRUTURAS DE AUGA E SANEAMENTO.

Ribeiro en Común recorda que os problemas estruturais da rede de auga e saneamento municipal de Ribadavia que, xunto a seca extrema do verán 2022, provocaron unha grave crise, continúan sen resolverse.

Que este ano non suframos ningún episodio de seca non significa que non o volvamos a sufrir, se non se resolver os problemas de captación que padece Ribadavia desde fai décadas. Pedimos que a Xunta faga o mesmo en Ribadavia que xa fixo e fai noutros municipios con menor poboación.


Ribeiro en Común mantemos as reivindicacións feitas desde o goberno, e dicimos o mesmo desde a oposición. O noso grupo esíxelle á Deputación e á Xunta o mesmo trato para o municipio de Ribadavia que lle dá a outros Concellos da Comarca do Ribeiro.

Continúa a discriminación a Ribadavia

Seguiremos reivindicando o que é de Xustiza, ata conseguilo. Denunciaremos calquera exercicio de discriminación contra Ribadavia, Así, Augas de Galicia leva varios lustros sen realizar ningún investimento no municipio de Ribadavia.
Esta discriminación non ataca aos diferentes gobernos que tivo o noso concello, senón á sociedade e aos veciños de Ribadavia.  

– Deputación e Xunta nada fixeron nestas décadas, desde a época do bipartito na Xunta non se realizou ningún investimento.

Ribadavia precisa na súa rede investimentos millonarios das Administracións con competencia na materia para mellorar un servizo público básico.


A este respecto é preciso recordar que Ribadavia leva pagado á Xunta (Augas de Galicia) arredor de 1,2 millóns de euros en concepto do “canon da auga”, mentres que Augas de Galicia (Xunta) leva investido cero euros desde 2009, a pesar de que a norma recolle que deben facer investimentos.  

– O diñeiro público é de todos, non dos políticos. En Ribadavia non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos.

A pesar disto, ao PP xa se lle remataron as escusas e o discurso vergoñento e antidemocrático de que os investimentos chegarían cando eles estiveran no goberno.

Comeza unha nova lexislatura no Parlamento Galego e un novo mandato na Xunta de Galicia, por conseguinte consideramos que é o momento de retomar esta demanda tan necesaria e urxente para Ribadavia.

Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:

  1. O Concello de Ribadavia solicita que a Xunta se comprometa a realizar a captación no río Miño, cuxo proxecto xa foi aprobado polo anterior goberno municipal, e o seu tramite realizado diante de todas as Administracións con competencia.
  2. O Concello de Ribadavia demanda que confederación hidrográfica (CHMS) e Deputación provincial tamén colaboren na obra da nova captación no río Miño.
  3. Instar ao goberno da Xunta de Galicia, Deputación e CHMS a que colaboren con Ribadavia para realizar arranxos na rede de abastecemento e saneamento, tales como estacións de bombeo e separación de augas pluviais e residuais.

Ribadavia a 22 de febreiro de 2024.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Demandamos unha rectificación do Alcalde polas mentiras verquidas na obra da Ponte da Veronza

ℹ️📢 Solicitamos no Pleno de setembro que o Alcalde rectifique as declaracións públicas feitas con respecto a obra municipal da Ponte da Veronza, unha vez que o informe de Patrimonio dá a razón ao que afirmamos REC desde o primeiro día, o proxecto non contemplaba a aberración realizada, e cuxa responsabilidade de vixiar esta obra é competencia do goberno local, cousa que non só non fixo senón que por riba pretendeu confundir a veciñanza aludindo ao anterior goberno.

Pedímoslle ao goberno local un pouco honestidade e que non mintan desde o Concello, pois a lexislatura acaba de comezar e non nos parecen as mellores formas que deban ter os representantes de Ribadavia.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Denunciamos que o PP concedera a dedo a barra do bar das festas do Portal a un membro do seu goberno

Imaxe de COPE CARBALLIÑO

Denunciamos que o PP concedera a dedo a barra do bar das festas do Portal a un membro do seu goberno.

O noso grupo recibiu varias queixas orixinadas na decisión do goberno local do PP de instalar unha barra de bar na actuación da Orquestra Olympus nas pasadas Festas do Portal, e un dos negocios beneficiados fora o de un dos membros do propio goberno.

Así o reclamamos no Pleno ordinario do mes de setembro 2023 desde Ribeiro en Común.

Demandamos que para ocasións futuras o Concello faga unha convocatoria pública da barra de bar das actuacións que organiza, e sobre todo, sempre se teña en conta non prexudicar a ningunha hostalaria na zona das actuacións, pois non nos parece o máis desexable que o Concello lle faga competencia desleal a negocios de hostalaría das zonas onde se ubican as actuacións.

Como aconteceu nestas festas, non nos parece de recibo que o Concello lle dea a barra do bar das festas patronais a un negocio dun membro do propio goberno. O procedente nestes casos é realizar unha convocatoria pública aberta a toda a cidadanía, e non dar a dedo esta concesión, menos aínda cando o goberno local beneficia a un membro do seu propio goberno.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Ribeiro en Común demanda que a obra da Portanova comece o antes posible, o goberno do PP actúa con desidia, xa que o prazo da subvención remata o 30 de outubro.

ℹ️ Ribeiro en Común recórdalle ao goberno do PP que a subvención conseguida para a obra de mellora da Portanova ao Campo da Feira remata o vindeiro 30 de outubro.

➡️ Esta obra foi adxudicada no mes de abril pola anterior Xunta de Goberno a iniciativa da área de urbanismo e casco histórico, xestionada polo noso grupo.

➡️ Descoñecemos as causas da demora desta obra, o grupo de goberno non deu explicacións de por qué se deixou pasar tanto tempo, xa que pasaron máis de tres meses e agora só queda un mes de prazo para realizala.

➡️ O pasado xoves interesámonos nas Comisións Informativas pola situación deste Proxecto e os seus preparativos para non perder a subvención conseguida, así como a oportunidade de mellora desta importante zona do casco histórico.

Unha nova reivindicación do noso grupo durante anos, e que se conseguiu cando chegamos ao goberno local.

➡️ Ribeiro en Común solicita que se cumpra o Proxecto realizado, recordando tamén que a retirada dos colectores soterrados avariados da Portanova é algo acordado no seu día polo anterior goberno.

Así mesmo, lembramos que o goberno de coalición tiña planificada a retirada de todos os colectores soterrados fora de uso, e alí onde se fixo, foi moi ben acollido pola veciñanza.

Por este motivo, solicitamos que se continúe con ela: 1º, Portanova, aproveitando esta obra, 2º, rúa Salgado Moscoso, 3º, rúa Ribeiro, e 4º, Travesía Ribeiro.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Ribeiro en Común volve demandar que a Deputación colabore no Proxecto da rehabilitación do antigo Matadoiro, conseguido polo noso goberno.

É unha das dúas Mocións presentadas para o Pleno de setembro 2023.

MOCIÓN DE RIBEIRO EN COMÚN PARA QUE A DEPUTACIÓN COLABORE CO CONCELLO DE RIBADAVIA NO PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO EDIFICIO DO ANTIGO MATADOIRO, INICIADO NA ANTERIOR LEXISLATURA.

Exposición de Motivos :

Ribeiro en Común volve reivindicar que a DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE colabore co CONCELLO DE RIBADAVIA, tal e como desde o Concello se realizou na lexislatura pasada en reiteradas ocasións.

A demanda de cooperación e colaboración á Deputación foi unha constante na pasada lexislatura, a desatención e vetos a colaboración con Ribadavia foron permanentes por parte da Deputación.

Co inicio do Curso político desta nova lexislatura, desde Ribeiro en Común continuaremos defendendo proxectos para mellorar Ribadavia, moitos iniciados pola coalición de esquerda na que traballou o noso grupo.

Este é o caso do Proxecto de rehabilitación do edificio do antigo matadoiro municipal.

O Concello de Ribadavia solicitou a comezos do ano 2023 a subvención da Xunta de Galicia destinada a concellos para a mellora e corrección de impacto paisaxístico convocadas polo Instituto de Estudos do Territorio. Este proxecto fora presentado xa no ano 2022, a Xunta e Deputación.

MARZO 2023, o Concello de Ribadavia consegue o apoio da Xunta para arranxar o antigo edificio do Matadoiro, non así da Deputación, da cal non consta o seu apoio, onde tamén foi presentado este proxecto arquitectónico, sen atopar resposta positiva por parte desta administración para rehabilitar este edificio histórico.

Agora, co proxecto aprobado por máis de 30 mil euros, coa aportación da Xunta tamén aprobada, e co inicio das obras neste verán, é o momento de que a Deputación se sume a este proxecto para completar a intervención no mesmo.

As modificacións orzamentarias na Deputación son unha constante, neste mesmo mes de setembro haberá unha, e por conseguinte non debería haber excusa para non facelo o antes posible, máis se cabe cando as obras neste edificio xa están en marcha.

A intención desta rehabilitación do antigo matadeiro é mellorar a imaxe dun edificio situado nun lugar emblemático, e ao mesmo tempo dotar ao concello dunha nova sala de usos múltiples para os veciños e as asociacións do municipio.

Desde Ribeiro en Común consideramos que o apoio para este investimento moi necesario e xusto, e un paso importante para comezar a revalorizar toda a zona da marxe esquerda do río Avia ao seu paso polo centro histórico de Ribadavia.  

Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:

1. QUE O CONCELLO DE RIBADAVIA REITERE Á DEPUTACIÓN DE OURENSE A SOLICITUDE REALIZADA EN 2022 E 2023 PARA CONSEGUIR A SÚA COLABORACIÓN NO PROXECTO DE REHABILITACIÓN DO EDIFICIO DO ANTIGO MATADOIRO, INICIADO NA ANTERIOR LEXISLATURA.

2. QUE A DEPUTACIÓN PROVINCIAL COLABORE CO CONCELLO DE RIBADAVIA NA MELLORA DO EDIFICIO DO ANTIGO MATADOIRO COMO NOVO ESPAZO PÚBLICO DE RIBADAVIA.

Ribadavia a 21 de SETEMBRO de 2023.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Ribeiro en Común en defensa do Coto de Novelle ameazado polo proxecto dunha Megabalsa.

Unha das dúas Mocións rexistradas polo noso grupo para o Pleno de setembro 2023.

MOCIÓN DE RIBEIRO EN COMÚN PARA QUE RIBADAVIA DEFENDA O VALOR NATURAL DO COTO DE NOVELLE FRONTE AO PROXECTO DE MEGABALSA QUE AFECTARÁ AO RIBEIRO E TAMÉN A RIBADAVIA.

Exposición de Motivos :

Ribeiro en Común manifesta a súa preocupación polo proxecto dunha “Megabalsa” de auga no monte do Coto de Novelle, no corazón da comarca do Ribeiro, e lindeiro co municipio de Ribadavia.

– Este monte está a carón do encoro de Castrelo de Miño, e ademais de a este municipio tamén pertence a Cartelle e Arnoia, administracións locais con moito que dicir na tramitación, como tamén o Concello de Ribadavia.

– Goberno Central e a Xunta tramitan este proxecto, que se atopa en fase de tramitación ambiental, e que pretende a construción dunha balsa de almacenaxe de auga no pico do Coto de Novelle, a 700 metros de altura, cunha capacidade de 1,36 hectómetros cúbicos de auga e ocupando unha superficie de case 22 hectáreas.

– Modelo enerxético de Galicia:

O espolio de recursos para xerar impacto ambiental e molestias aquí mentres que levan a riqueza fora. Galicia temos excedente en enerxía eléctrica pero non temos ningunha empresa pública que canalice esa riqueza en beneficio dos galegos e galegas e das nosas facturas cada día máis abusivas.

– Comarca vitivinícola e medioambiental:

Ribeiro en Común presentamos esta Moción para que o Concello de Ribadavia se interese por este macro proxecto para garantir que antes da súa continuidade se busque un modelo de aproveitamento enerxético que non supoña unha agresión ao medio natural e a nosa fauna, e se coñeza o posible impacto climático nunha comarca onde o sector do viño é tan importante.

O impacto que pode ter este proxecto, cunha enorme movemento de terras sobre os hábitats naturais e a biodiversidade, é enorme, e este tipo de balsas poden modificar o microclima da nosa zona. Así o advirten xa estudosos da hidroloxía e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

A enerxía hidroeléctrica é renovable, pero estes proxectos non son sostibles para o medio ambiente.

Por este motivo, desde Ribeiro en Común consideramos que o Pleno municipal do noso Concello, como capital comarcal, se posicione en defensa do noso medio natural fronte a macroproxectos que deixan ver máis dúbidas e problemas que beneficios para a nosa comarca.

O Ribeiro e Ribadavia non sairán gañando nada con este macroproxecto, máis ben teñen moito que perder.

Este tipo de proxectos deben facerse sempre co consenso dos actores locais do territorio onde se van implantar.

O Coto de Novelle é o centro xeográfico para unha importante zona vitivinícola e medioambiental do Ribeiro, e de Ribadavia, e polo tanto antes de realizar semellante macroproxecto, a cidadanía debe ter moi claro as súas repercusións. A transparencia é fundamental, e neste caso brilla pola súa ausencia.

A denominada “CENTRAL HIDROELÉCTRICA REVERSIBLE DE CASTRELO DE 260 MW, E A SÚA INFRAESTRUTURA DE EVACUACIÓN, UBICADA NOS CONCELLOS DE CASTRELO DE MIÑO, A ARNOIA, E CARTELLE, NA PROVINCIA DE OURENSE”, en estado de tramitación de avaliación ambiental, afecta directamente a todo o Ribeiro e a Ribadavia.

Cabe recordar que Ribadavia xa foi prexudicada historicamente na construción do chamado Encoro de Castrelo de Miño, pois unha parte importante do noso municipio viuse alterada a nivel territorial, paisaxística, poboacional e climatolóxica, sen obter ningún beneficio directo desta explotación eléctrica en Ribadavia, sendo os indirectos moi ampliables, e sendo o seu impacto negativo moi importante.

Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:

1. QUE O CONCELLO DE RIBADAVIA SE PRESENTE COMO PARTE AFECTADA NO PROXECTO DE MACROBALSA NO COTO DE NOVELLE, ABRINDO TODAS AS VÍAS ADMINISTRATIVAS SEGUNDO OS PRAZOS ESTABLECIDOS.

2. QUE O CONCELLO DE RIBADAVIA PRESENTEN ALEGACIÓNS A “CENTRAL HIDROELÉCTRICA REVERSIBLE DE CASTRELO DE 260 MW, E A SÚA INFRAESTRUTURA DE EVACUACIÓN, UBICADA NOS CONCELLOS DE CASTRELO DE MIÑO, A ARNOIA, E CARTELLE, NA PROVINCIA DE OURENSE”, POR SER RIBADAVIA E O RIBEIRO TERRITORIOS AFECTADOS.

3. QUE SE ACORDE MANIFESTAR A NECESIDADE DUNHA NOVA POLÍTICA ENERXÉTICA PARA GALICIA, QUE: RESPECTE O MEDIO NATURAL E BENEFICIE AOS TERRITORIOS E ÁS PERSOAS VECIÑAS COMO PROPIETARIAS LEXÍTIMAS DOS NOSOS RECURSOS ENERXÉTICOS.

4. TRASLADAR ESTE ACORDO AOS CONCELLOS DO RIBEIRO, XUNTA, DEPUTACIÓN E ESTADO, DELEGACIÓNS DOS MINISTERIOS DE ENERXÍA E MEDIOAMBIENTE.

Ribadavia 2 de setembro de 2023.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Ribeiro en Común volve solicitar que a Xunta arranxe os accesos e o aparcadoiro do Centro de Saúde de Ribadavia

SOLICITAMOS A MELLORA DO APARCAMENTO DO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADAVIA.

O CONCELLO NA LEXISLATURA PASADA REITEROU A PETICIÓN Á XUNTA PARA A MELLORA DO ENTORNO DO CENTRO DE SAÚDE, TITULARIDADE DO SERGAS.

A XUNTA, A TRAVÉS DO SERGAS, REALIZOU RECENTEMENTE A REFORMA DO EXTERIOR DO CENTRO DE SAÚDE, SEN EMBARGO, OBVIOU A MELLORA DOS SEUS ACCESOS E DO SEU APARCADOIRO.

MOCIÓN DE RIBEIRO EN COMÚN PARA QUE A XUNTA REFORME O APARCADOIRO E OS ACCESOS DO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADAVIA.

Desde Ribeiro en Común continuamos reivindicando a nosa sanidade pública, e partindo de que a oferta médica e os servizos públicos sanitarios son a reivindicación central, tampouco podemos pasar por alto a mellora das nosas infraestruturas.

Unha vez rematada a obra de reforma exterior do centro de saúde de Ribadavia, continúa sendo moi necesaria a mellora tamén no acceso ao Centro de Saúde, na accesibilidade en vehículos a actual zona de aparcamento e de acceso dos cidadáns ao interior do propio centro.

Antecedentes: no mes de maio de 2021, antes do inicio da obra, o Concello entregoulle ao SERGAS unha Memoria de Remodelación do aparcadoiro do Centro de Saúde- PAC de Ribadavia, terreos de titularidade do SERGAS, que recolle o seguinte:

A. Apertura do aparcamento coa retirada dos muros e creación dun vial que una a rúa do Carballiño coa rúa Veronza.

B. Creación de: 1.- zona de servizo e estacionamento de ambulancias e servizos médicos, 2.- un carril de servizo para usuarios e taxis, facilitando a entrada e saída de vehículos, 3.- zona de carga e descarga de persoas con mobilidade reducida no centro de saúde.

Non foi de recibo que a XUNTA rematara a obra de mellora exterior do edificio do centro de saúde e non se mellorara a zona de acceso de vehículos e pacientes, acceso ao centro cuxo estado está en moi malas condicións tanto para veciños, pacientes e tamén aos vehículos e ambulancias.

O Concello insistiu na lexislatura pasada nesta petición que foi trasladada tanto antes do inicio das obras, en maio de 2021, como tamén a posteriori.

Recordando ademais :

1. Necesidade de resolver o problema que existe no acceso a este centro de saúde, onde mesmo as ambulancias deben saír marcha atrás na maioría de ocasións, e os pacientes e usuarios do ambulatorio con problemas de mobilidade atópanse con moitos obstáculos. Ocasionando ademais problemas de tráfico na rúa do Carballiño, que ten moita actividade e ademais é compartida polos centros de ensino de Ribadavia.

Neste sentido, o Concello presentou no SERGAS unha unha memoria de melloras a través dos servizos técnicos con informes da Policía Local e da Oficina de Urbanismo, propoñendo a intervención de mellora no actual aparcamento.

2. Necesidade de melloras na rede de subministro eléctrico, de auga e saneamento, así como na propia accesibilidade ao interior do propio centro.

Estas peticións que consideramos necesarias e xustas, están avaladas polos correspondentes informes técnicos da Policía Local e do servizo de Urbanismo. Ademais, fíxose entrega dunha Memoria de remodelación do contorno do PAC de Ribadavia, terreos de titularidade do SERGAS.

Desde Ribeiro en Común reiteramos a necesidade de que se realice por parte do SERGAS propostas de mellora ao Proxecto de reforma, seguindo a Memoria técnica elaborada pola Oficina de Urbanismo e Policía local na que se recolle unha petición de intervención no actual aparcamento para a súa mellora:

• Apertura do aparcamento a través do derrubamento dos actuais muros e barreiras arquitectónicas.

• Creación dun vial que una a rúa do Carballiño coa rúa Veronza.

• Creación dunha zona de parada e estacionamento de ambulancias e servizos médicos, e un carril de servizo para usuarios e taxis.

A creación deste vial é unha petición da sociedade ribadaviense, tanto de usuarios como de sanitarios, e que ven avalada por informes técnicos que mellorarían tanto a mobilidade como a circulación nesta zona, que con este vial se vería amplamente mellorada.

Esta mellora debera facerse de acordo cos informes do departamento de urbanismo e da policía local de Ribadavia.

Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:

1. QUE O CONCELLO DE RIBADAVIA SOLICITE Á XUNTA LEVAR A CABO A MELLORA DOS ACCESOS E APARCADOIRO DO CENTRO DE SAÚDE DE RIBADAVIA, TAL E COMO FIXERON E ESTÁN A FACER DESDE A XUNTA EN INFRAESTRUTURA SANITARIAS NOUTROS MUNICIPIOS GALEGOS.

Trasladar este acordo á Delegación da XUNTA en Ourense, á xerencia do SERGAS de Ourense e aos Servizos Centrais de Compostela do SERGAS e da Consellaría de Infraestruturas.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

MOCIÓN PARA QUE O CONCELLO VOLVA SOLICITAR QUE A XUNTA ADQUIRA O SOLAR ANEXO AO CEIP RIBADAVIA

MOCIÓN DE RIBEIRO EN COMÚN PARA QUE O CONCELLO LLE VOLVA SOLICITAR Á XUNTA ESTE SOLAR ABANDONADO EN VENDA E PODER AMPLIAR O PATIO DO CEIP RIBADAVIA PARA RECREO E AULA DIDÁCTICA DA NATUREZA DOS COLEXIOS

Ribeiro en Común volve reivindicar que a XUNTA, a través da Consellaría de Educación, para que adquira o terreo anexo ao CEIP Plurilingüe RIBADAVIA, tal e como desde o Concello se realizou na lexislatura pasada, en xaneiro do 2022.

Transcorrido máis ano e medio sen que a Xunta accedera a esta iniciativa, que se lugar a dúbidas melloraría en todos os sentidos esta infraestrutura educativa, desde Ribeiro en Común queremos volver a recuperar esta reivindicación no comezo desta lexislatura.

Así se fixo por parte do goberno municipal de coalición, cando se lle solicitou á Consellaría de Educación a adquisición dun terreo anexo ó centro educativo coma unha medida de reforzo e revalorización das instalacións educativas.

O seu uso sería de recreo e lecer poñendo a disposición dos centros de ensino un novo espazo para o alumnado. Tamén un uso didáctico, relacionado coa natureza, a vexetación e fauna de ribeira e hábitats acuáticos.

O terreo conta cunha superficie de 5.446 m2 que se axusta na normativa urbanística e usos do Concello de Ribadavia, e que revalorizaría os colexios e toda esta zona da vila de Ribadavia. Desde o Concello na lexislatura pasada ofreceuse a total colaboración á Consellaría de Educación para facelo posible, algo que debería continuar.

Por todo o anterior, facemos a seguinte PROPOSTA PARA A SÚA APROBACIÓN:

1. QUE O CONCELLO DE RIBADAVIA SOLICITE Á XUNTA LEVAR A CABO A ADQUISICIÓN E ADECUACIÓN DO SOLAR ANEXO AO CEIP RIBADAVIA PARA USO DE LECER E DIDÁCTICO DO CENTRO EDUCATIVO E DE TODA A VECIÑANZA.

Trasladar este acordo á Delegación da XUNTA en Ourense e aos Servizos Centrais de Compostela da Consellaría de Educación.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

Comunicado de Ribeiro en Común tras a saída dun concelleiro do PSOE e as novas mentiras do PP.

Nota de Ribeiro en Común en resposta ao PP e a saída de Manuel Vázquez do PSOE.

Tras a marcha do PSOE do concelleiro de servizos a semana pasada e a conseguinte nota do PP con novas mentiras, vémonos obrigados desde Ribeiro en Común a dar información sobre o acontecido dentro do PSOE e a situación do goberno local.

Pola nosa parte, continuaremos a traballar nas nosas áreas con autonomía e lealdade ao pacto de goberno. E sempre loitando contra o caciquismo e o incumprimento da lei, veña de onde veña, aínda que por elo teñamos custes, políticos e persoais. Así seguiremos. Con toda humildade, pero tamén con toda certeza, cremos que Ribeiro en Común demostrou que está preparado para asumir as maiores cotas do bo goberno que precisa Ribadavia e o noso Concello.

Diante da crise no grupo municipal do PSOE de Ribadavia, o PP local pretende unha vez máis intentar criticar unha coalición de dous partidos moi diferentes. Continúan desde o PP buscando calquera escusa, incluso un problema interno do PSOE, para intentar criticar a Ribeiro en Común.

En todo caso, o PP é coñecedor das queixas reiteradas de Ribeiro en Común contra este concelleiro do PSOE, agora tránsfuga, e que foi responsable de varias situacións de tensión no seo da coalición contra Ribeiro en Común, unha proba máis dos esforzos que tivemos que facer por manter unha coalición de goberno con demasiados inimigos atacándoa.

Esta semana tivemos comisións informativas e confirmouse que este concelleiro vai quedar coa acta do seu ex partido.

Estamos obrigados a respectar a autonomía de todos os partidos e a non interferir nos problemas internos dos demais. Consideramos que se o seu ex partido non lle pide a acta a este concelleiro dimitido, nos non podemos nin debemos facelo. Aínda así, o correcto sería que este concelleiro entregara a acta ao partido no que concorreu as eleccións.

En todo caso, ao noso grupo non lle sorprende un novo cambio de sigla deste concelleiro, cabe recordar que ata 2015 estivo durante décadas no PP, para fichar polo PSOE en 2019. As causas desta saída semellan claras, a súa intención tamén. Os posibles pactos para maio pode ser que se amplíen cara a dereita, tal e como Baltar sempre fai cando necesitan pactar con supostos “independentes”, que no caso de obter representación acaban sempre igual.

Pola nosa parte, continuaremos a traballar nas nosas áreas con autonomía e lealdade ao pacto de goberno. E sempre loitando contra o caciquismo e o incumprimento da lei, veña de onde veña, aínda que por elo teñamos custes, políticos e persoais. Así seguiremos. 

Con toda humildade, pero tamén con toda certeza, cremos que Ribeiro en Común demostrou que está preparado para asumir as maiores cotas do bo goberno que precisa Ribadavia e o noso Concello.

Ribadavia, marzo de 2023.

Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario

O Concello de Ribadavia celebra o acordo acadado con Deputación e Xunta para realizar a obra do Saneamento e Subministro da Auga da Groba e As Chabolas.

Despois de anos de reivindicacións por parte de Concello e da  veciñanza, por fin se consigue o apoio de Xunta e Deputación para un investimento que supera os 600 mil euros.

Esta reivindicación intensificouse nos últimos tempos. Así, en Xullo deste ano o Concello aprobou unha nova Moción para a realización desta obra, que inclúe unha rede nova de saneamento e subministro da actual auga veciñal, e sumándose estes núcleos á rede municipal.

Tamén, máis recentemente,  o pleno de outubro aprobou de novo unha Moción que recordaba o proxecto e na que se pedía o financiamento da Deputación para este proxecto.

O Concello ten aprobada unha partida no Orzamento 2023 para convenios con outras Administracións, xustamente para abordar este tipo de financiamento por parte de Deputación e Xunta.

O Concello comprometese a participar no financiamento e agradece a colaboración  da Xunta e Deputación no proxecto.

Recordamos que na última actualización do Proxecto da Obra, que databa do ano 2015, supón unha suba do 25%, pasando de 522 mil euros a 655 mil, 133 mil euros máis.

Este documento foi remitido polo Concello no mes de novembro de 2022 á Deputación e á Xunta.

O Concello celebra que por fin despois de tantos anos á Deputación e Xunta se comprometan a financiar un proxecto presentado reiteradas veces por parte do Concello, e que existe desde 2015.

O Concello comprometese a participar no financiamento e agradece a colaboración  da Xunta e Deputación no proxecto.

Agora, desde o Concello agardamos que o compromiso da Deputación e Xunta con Ribadavia continúe,  xa que son moitos os proxectos presentados nestas Administracións que tamén merecen da súa cooperación, e que o Concello recordou na xuntanza de hoxe, entre outros:

  • Cooperación para a obra da nova captación do río Miño.
  • Nova pista deportiva no Pavillón Municipal de Ribadavia.
Publicado en Sin categoría | Deixar un comentario